Sendeiro Circular Municipal

Sendeiro circular con chegada e saída da Casa do Concello de Fene que percorre tódalas parroquias. Sinalizado con paneis explicativos situados nos diferentes lugares considerados de interese.

O sendeiro circular pon en valor os distintos puntos de interese paisaxístico, arquitectónico e etnográfico que se atopan ao longo do itinerario ademais de poñer ao servizo da poboación de Fene unha estrutura estábel para a práctica físico-deportiva e o aproveitamento alternativo do tempo de lecer.

Este sendeiro circular pódese consultar a través dunha páxina web, ofrecéndose múltiples posibilidades: desde un percorrido virtual polos lugares máis destacados do camiño ata a descarga do mapa de sinalización, pasando pola posibilidade de informarse sobre cada un dos fitos culturais ou paisaxísticos sinalizados mediante fichas divulgativas.

Recorrido

Punto de partida e de chegada:

Casa do Concello

Puntos de interese

Igrexa de Santa Mariña de Barallobre

Muíño da Ribeira

Capela de San Marcos de Sillobre

Igrexa de San Xurxo de Magalofes

Igrexa de Santa Olaia de Limodre

Igrexa de Santiago de Barallobre

Lonxitude: 10 kms aproximadamente.

Tipo de trazado: Circular

 

Casa do Concello

O actual edificio que lle serve de sede ao Concello foi inaugurado no ano 1980 con proxecto do arquitecto Alberto Campo Baeza. Situado na Avenida do Concello é unha edificación que se enmarca dentro do estilo racionalista. Cunha planta basicamente rectangular, estrutúrase en soto, baixo e tres andares, contando ademais cun volume turriforme que recrea as torres con reloxo de moitas antigas casas consistoriais; a diferenza de tamaño entre o baixo e o primeiro andar por un lado e o segundo e terceiro andar por outro configura nas fachadas laterais uns espazos asoportalados que teñen continuidade no perímetro lateral da praza que existe entre a fachada frontal do concello e o antigo edificio do xulgado, hoxe asimilado ás propias dependencias da casa consistorial. Todo o edificio está organizado interiormente como oficinas de atención ao público, despachos, arquivos, salón de plenos e sala de exposicións, e destaca a intención clara de potenciar tanto no interior como no exterior do edificio a diafanidade e a iluminación natural.

Santa Mariña de Sillobre

A igrexa de Santa Mariña de Sillobre é unha edificación de estilo barroco datada na primeira metade do século XVII. Trátase dun edificio con planta de cruz latina que presenta dous engadidos rectangulares: un á altura do presbiterio, que funciona como sacristía, e outro no muro meridional. É, sen dúbida, un dos edificios relixiosos máis antigos e mellor conservados do concello.
Os muros exteriores son de cachotería encintada, exceptuando á fachada, de cantería de granito moi regular. É nela onde se concentra, nun eixo vertical, toda a decoración: a porta, coroada por arco de medio punto e rematada por cornixa con pináculos, unha pequena fornela e unha fiestra rectangular, aberta cara ao interior do coro. Na fachada destaca, así mesmo, a torre campanario, cuberta con cúpula semiesférica e rematada con pináculos.

No interior, a nave principal cóbrese con bóveda de canón reforzada con arcos faixóns; ao final dela, unhas pilastras marcan a separación entre a nave, o cruceiro e as capelas. Os muros están pintados de branco, deixando a pedra vista para os arcos e os recercos dos vans, e é xa este contraste un sobrio motivo decorativo. Neste apartado ornamental pódense subliñar, tamén, o retablo do altar maior, do século XIX, que combina elementos neoclásicos e barrocos e o coro alto realizado con forxado en madeira.
A cuberta, de tella curva, é a diferentes augas segundo a volumetría do edificio.

Muíño da Ribera

Capela de San Marcos de Sillobre

A capela de San Marcos atópase no lindeiro da parroquia de Sillobre e do propio concello de Fene, a carón dun cruce de camiños. Trátase dunha pequena edificación con planta rectangular e nave única, realizada en robusto muro de cachotería vista. Presenta pequenas fiestras rectangulares nas fachadas laterais, aínda que os vans principais, a porta da entrada e outra ventá sitúanse na fachada principal nun eixo vertical que se completa co aleiro do tellado e a espadana para unha soa campá. A cuberta é a dúas augas, de tella do país.

Igrexa de San Xurxo de Magalofes

Trátase dun edificio de nave única con dúas capelas cadradas nos lados. Aínda que a orixe do centro parroquial data do século XVI, a edificación actual é resultado de múltiples modificacións, que só respectaron o cruceiro e as capelas laterais da obra orixinal. Pódese considerar de estilo barroco.
Os muros son de cantería de granito, furados con vans con arcos apuntados (excepto nas capelas, onde son arquitrabados) e reforzados con pilastras e contrafortes. Os volumes exteriores están marcados polo desenvolvemento das capelas e do cruceiro destacando, en altura, a torre campanario, con dous niveis de arcos de medio punto e remate en cúpula. No interior é subliñable a combinación das bóvedas, de canón na nave principal e de crucería nas capelas laterais e o cruceiro. O altar maior orixinal atópase pechado, e a súa función actual é a de sacristía. Nunha das capelas, a de San Gregorio, está a tumba do Bacharel don Fernando de Porta, e na outra existe un escudo heráldico incrustado nun dos seus muros.
A cuberta, a dúas augas, é de tella do país, vai en chanzos dende a nave principal ata as capelas e o pórtico lateral.