Patrimonio histórico

Grupo escolar Curros Enríquez

Grupo Escolar Curros Enriquez

Galicia sufriu a finais do século XIX e comezos do XX un importante proceso de emigración que obedeceu a razóns económicas e sociais: falta de traballo, falta de oportunidades para o rural, pobreza e tamén por motivos políticos.

Os galegos que emigraban por aquela época adoitaban facelo na súa maior parte a América Latina: Cuba, Arxentina, Brasil, México, etc.

Este proceso migratorio ofreceu sorte dispar para os galegos que buscaron o futuro lonxe desta terra. Unha parte deles foron quen de poder establecer os seus negocios e crear certas fortunas que lles permitiron levar unha vida máis acomodada, son os coñecidos como “Indianos”.

Parte destes xa nomeados Indianos decidiron en certo momento retornar á súa terra e practicar a filantropía cos seus antigos veciños, familiares e amigos.

Fene, como marcada vila obreira, non foi allea a este fenómeno e foron moitos os emigrantes retornados que deixaron a súa achega á sociedade de diversos xeitos: creando asociacións culturais, asociacións ecoloxistas, edificando centros de ocio como cinemas ou promovendo escolas públicas.

Dentro das escolas públicas ten capital importancia a coñecida como “Sociedad de Instrucción Naturales del Ayuntamiento de Fene”, unha institución creada por emigrantes feneses en Cuba que promoveu unha escola pública, gratuíta e de calidade para aqueles veciños do concello que estiveran en situación máis precaria.

O Grupo Escolar Curros Enríquez poñía á disposición dos veciños unha ensinanza aberta, de calidade, e cos mellores recursos para todo aquel que mozo ou moza en idade escolar que non tivera medios, xa que por aquel entón a educación estatal era de acceso restrinxido e tiña un carácter moi elitista.

Este edificio foi inaugurado en 1916, consta dunha arquitectura de carácter indiano pero á súa vez funcional e serviu para cubrir as necesidades de escolarización de boa parte dos feneses que así o precisaban a través duns métodos pedagóxicos pioneiros e en contraposición á ensinanza ofertada na época que non chegaba a toda a sociedade.