Patrimonio civil

Navantia

Navantia - Fene

Polas súas características orográficas a Ría de Ferrol é un dos lugares idóneos para o establecemento de portos e factorías navais grazas ao resgardo que esta mesma ofrece. Leva sendo así desde o século XVIII ata a actualidade.

Na marxe sur da ría de Ferrol está en funcionamento o estaleiro Navantia-Fene, é historicamente un dos principais motores económicos do Concello e da comarca.

Nese mesmo lugar xa existía un estaleiro tradicional pero foi nos anos 40 cando se creou a factoría Astilleros y Talleres del Noroeste (ASTANO) grazas ao impulso de José María González-Llanos, empresario, militar e enxeñeiro galego moi ligado á construción naval. Foi un dos estaleiros pioneiros a nivel mundial na construción de grandes buques. Agora adherida a Navantia, e de propiedade estatal, é a novena corporación adicada á construción naval máis importante do mundo.

Uns anos antes, nas décadas dos 60 e 70 do século pasado ASTANO levou a cabo grandes fitos na construción naval, chegando a bater os récords mundiais en creación de súper petroleiros. O máis recordado será o buque Arteaga que bateu o récord mundial con 325.000 toneladas de peso morto e 330 metros de eslora; á botadura acudiron enxeñeiros dos mellores estaleiros do mundo, escépticos de que esta obra tivera éxito.

Aínda que actualmente non ofrece visitas, é imprescindible para quen quere coñecer Fene achegarse ata alí e ter unha panorámica deste estaleiro recoñecido polo seu bo facer a nivel mundial.