Patrimonio histórico
Casa da Maleta
A Casa da Maleta tamén é coñecida como o Chalé do Adriano, pero o seu nome orixinal é “La Perla del sur”, en lembranza da cidade cubana de Cienfuegos. Este patrimonio arquitectónico fenés é a pegada do Indiano Antonio Fernández Fernández.
Antonio Fernández (alcumado “Adriano”, polo nome do pai) naceu en 1866 e con só 16 anos emigrou de polisón cara Cuba na procura dun futuro máis próspero que ata o que nese momento levaba adicado a labores agrarias.
Asentouse na cidade de Cienfuegos e cunha curta experiencia como aprendiz de carpinteiro comezou a traballar no ferrocarril. Aínda que, como sabemos, tiña pouca experiencia na técnica, o seu saber facer levouno a converterse nun contratista e construtor de éxito.
Tal foi a pequena fortuna e a posición que gañou que no ano 1900, con 34 anos, marchou de Cuba para Galicia e nunca máis volveu á illa caribeña. Asentouse en Barallobre e creou un taller de carpintería así como un pequeno estaleiro na ribeira de Maniños onde era el mesmo quen deseñaba as embarcacións que servirían, máis tarde, para asentar unha empresa familiar de transporte marítimo. Entre outras rutas cabe salientar os servizos regulares da Ría de Ferrol, os traxectos Ferrol-Coruña e incluso os Puerto de Santa María – Cádiz.
Ademais do seu labor filantrópico para cos seus veciños, tamén tivo ocasión para deseñar el mesmo a súa vivenda: La Perla del Sur. Esta vivenda erixida en 1921 nun promontorio de Barallobre, ofrece unhas inmellorables vistas da ría de Ferrol. É unha das primeiras vivendas da zona feita con formigón e o seu deseño exterior está composto por 8 fachadas que presentan influencias diversas propias da arquitectura ecléctica indiana; modernismo e neoclasicismo. Se algo destaca da zona exterior é o miradoiro sobre a terraza, un templete composto por oito columnas sobre o que se erixe unha cúpula nervada e, sobre esta, unha estatua do propio “Adriano” na que porta unha gabardina, unha maleta e un faro; símbolos do Indiano retornado.
En palabras dos familiares de Antonio Fernández, era un home republicano, comprometido co seu tempo, universalista, con conciencia de clase e solidario. Proba disto son os interiores do chalé, onde dispuxo cinco pracas de mármore coas seguintes inscricións: La Patria, El pasado, El presente, El Porvenir, Queda dispuesto. Tamén deixou gravado na casa o seu lema: El trabajo es mi Dios, el mundo mi tumba.
Na actualidade a casa pertence a Antonio Somorrostro, sobriño-neto do “Adriano”. Este edificio centenario pódese alugar como aloxamento turístico gran parte do ano.