Patrimonio histórico

Muíño do Redondo

Muiño do Redondo

Ao mesmo tempo que a Comarca de Ferrol medraba en poboación durante o século XVIII no entorno de Fene chegaron a funcionar cincuenta e tres muíños que abastecían as necesidades da contorna. Desta grande cantidade de muíños, o Muíño do Redondo na parroquia de Magalofes é un dos seus mellores exemplos.

Restaurado entre os anos 1996 e 1998, actualmente atópase en perfectas condicións para coñecer este elemento do antigo patrimonio muiñeiro do concello, onde houbo arredor de dous muiños por quilómetro cadrado. A configuración hidrográfica de Fene permitiu este tipo de factorías que aproveitaban a caída da auga para moer gran.

Pero non só o proceso de recuperación afectou á rehabilitación do muíño, na contorna atopamos un espazo de alto valor natural, con árbores autóctonas como o sabugueiro, un pequeno queirogal ou un souto de castiñeiros.