Patrimonio relixioso

Capela de San Marcos

Capela de San Marcos

Pequena edificación erixida no século XIX pero en perfecto estado de conservación, consta dunha única nave, pequenas ventás e unha fachada rematada cunha campá. No seu interior atópase a imaxe de San Xiao, patrón da desaparecida Capela de Belelle.

A Capela de San Marcos está na división entre as parroquias de Regoela (Concello de Cabanas e Sillobre (Concello de Fene), de feito o marco (pedra situada a modo divisorio) está inserida dentro dun dos muros da sacristía que foi engadida á ermida a mediados do século XX.

Ata mediados do nomeado século XX, coincidindo coa festividade San Marcos (25 de abril) tiña lugar unha tradición na que a xente da zona levaba o gando a cumprir cun ritual de fertilidade que os obrigaba a dar sete voltas arredor da capela para despois levalos a beber auga á Fonte do Santo (Río Belelle) onde alá por 1817 aparecera unha imaxe do San Marcos ao arar a terra.

Investigacións posteriores indican que esta tradición facíase con anterioridade á construción da Capela e os animais daban as sete voltas arredor do marco que levaba aí colocado desde tempos pretéritos. Sería pois unha cristianización dun ritual pagán que constaba do rito no que xiraban en torno ao marco e que se terxiversaría por San Marcos.

Sexa como for, este rito está perfectamente documentado e, aínda que puidera ser un rito pagán recentemente cristianizado, dota a este conxunto dun alto valor etnográfico e singular, formando parte do patrimonio material e inmaterial do Concello de Fene.