Patrimonio relixioso
Igrexa do Divino Salvador
Situada na parroquia de San Salvador, no lugar de Vista Alegre é sen dúbida un dos templos máis coñecidos de Fene pola súa localización no centro da vila.
O edificio sacro data de comezos do século XVIII pero sufriu unha forte remodelación no século XX. A fachada é de granito visto e por riba da porta principal eríxese un frontón partido. Na parte exterior tamén destaca a torre da campá, de planta cadrada e na que destacan tres corpos superpostos rematados cunha cúpula semicircular. Estes dous elementos foron construídos polo crego Roque Arousa Mariño en 1719. A planta da igrexa está formada por tres naves irregulares.
Nas obras do século XX modificaron o corpo da igrexa e engadiron un corpo á torre da campá.