Cultura e arte

Que facer

Artes plásticas

A sala de exposicións  da casa da Cultura cun fin de divulgación cultural, acolle ademais das exposicións temporais do Museo do Humor, exposicións de pintura, fotografía, cerámica, artes plásticas, etc organizadas polo propio Concello, ou polas distintas asociacións ou particulares, previa reserva.

Dende hai anos, esta sala está incluída no Programa de Exposicións Itinerantes da Deputación da Coruña, acollendo en distintas edicións as exposicións do Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo, do Premio de Creación Fotográfica Luís Kasado, do Premio de Banda Deseñada Castelao, do certame de Fotoxornalismo da Deputación e do Premio Internacional de Arte Gráfico Jesús Núñez.

 

Ciclo do Día da Patria

Tódolos anos o Concello de Fene programa un amplo cartel de actos, concertos e actividades culturais para os meses de verán.

A maxia, o Certame de Habaneiras e Canto Coral, os Concertos a Festa da Veciñanza, enchen entre outros as rúas do noso concello.

 

Fene vai de Entroido

O Entroido é celebrado en toda Europa dende épocas descoñecidas. Non se sabe con certeza a súa orixe, algúns pensan que vén da tradición celta, outros afirman que os comezos desta festa pódense atopar na adoración a Baco ou Dionisos.

Coa chegada do cristianismo, moitas das festas pagás, que eran antigamente celebradas foron tomadas e cristianizadas. Deste xeito, esta celebración que tiña posiblemente o seu significado na despedida dos longos e duros días do inverno, mesturouse coa despedida da carne antes do período de abstinencia da Coresma que comeza no día mércores de Cinza (é dicir “corenta días antes do domingo de Ramos).

No Entroido todo está permitido, sendo moi comúns os discursos coma os testamentos, os chamados arranques, que son sátiras da realidade e de feitos sucedidos durante o ano, incluíndo aos referidos aos veciños/as e ás institucións públicas.

O entroido fenés no pasado

No libro Fene vai de entroido editado pola Asociación Cultural “O Tadetas”, sitúa nos anos 30, anos da II República, as pescudas máis afastadas do entroido Fenés cando o xoves de comadres os rapaces e rapazas tirábanse olas e vellos pucheiros de barro. O equipo que deixaba caer máis pucheiros pagaba unha merenda.

Relata tamén que na década dos anos 30 a celebración do Entroido rexorde da man de Gerando Díaz, o Barbeiro; Daniel Romero, o da Fraga; Casiano Castro e José Benito Puentes (pai). O martes de entroido homes vestidos de negro percorrían as rúas e camiños, anunciaban a morte do Entroido e chamaban a xente para participar do enterro. O mércores de cinza levábase o meco na caixa até a ponte de Santa Ana. Alí botábase ao río depois de prederlle lume. Logo a xente acudía ao baile no Salón de Severa.

Durante a época da guerra e da posguerra o entroido foi perseguido, polo que algunhas das tradicións perdéronse. A celebración do Entroido retomaríanse en Fene nos anos 50 con bailes que se celebraban no patio de Fernando, na estrada da Fraga.

Foi, Xoan Rodríguez Carballo, o Tadetas, o que recuperou o Entroido fenés co seu meco “Antón” e a orquestra local.

O entroido fenés de hoxe

O meco Antón, o cadaleito, a viúva, o velorio e o testamento, son elementos que non desapareceron da celebración xenuína do entroido Fenés.

Cada ano disfraces e comparsas de toda a comarca achéganse para participar na programación do entroido fenés no que o martes de entroido celebramos a tradicional festa infantil na Praza do Concello; con música e degustación de lambetadas de Entroido grazas a colaboración das panaderías de Fene; e o mércores de cinza celebramos o desfile e posterior festival de comparsas. As agrupacións participantes percorren as rúas do concello para rematar na Praza do Concello onde se celebra o Festival coa actuación das comparsas.

Finalizado o desfile lemos o testamento e queimamos o boneco acompañado dunha sesión de fogos de artificio. Rematamos a festa bailando coa orquestra na praza do concello.

Viva o entroido!

 

 

 

Paseo San Valentín