O Camiño de Santiago
Información da experiencia
O Camiño de Santiago
Fene é unha das poboacións polas que transcorre o segundo tramo do Camiño Inglés (Ferrol-Miño) que leva a Compostela, onde se atopa o sepulcro do Apóstolo Santiago. A historia destas peregrinacións parte do século XII. Os países escandinavos, coma Noruega, Suecia, Dinamarca, Finlandia ou Islandia e, sobre todo, ingleses, escoceses, irlandeses e flamengos contribuíron a fixar o que hoxe coñecemos como o Camiño Inglés. Chegaban a Galicia por mar dende os seus respectivos portos e arribaban a Ferrol ou á Coruña. A estratéxica localización dos portos desas dúas importantes cidades galegas potenciou de maneira evidente a ruta.
O Camiño Inglés conta en Galicia con dúas alternativas, aínda que convén sinalar que o itinerario desde A Coruña é máis curto (74 km) ca o que parte de Ferrol (118 km). Ambos, cheos de atractivos e historia, conflúen a metade de camiño, na localidade de Bruma, onde continúan xuntos os últimos 48 km ata Compostela.
Itinerario dende Ferrol
Partindo de Ferrol, o Camiño Inglés iníciase nos peiraos de Curuxeiras cara á localidade de Narón. A ruta continúa ata enlazar co camiño de O Salto, pasa polo muíño de marea das Aceas de Lembeie e cruza a ponte do río Xubia para entrar en Neda.
Logo de pasar os lugares de A Silva e O Puntal no Concello de Neda, a ruta entra no lugar de Conces no concello de Fene.
Continuamos pola rúa Fonte do Campo ata chegar ao rueiro Casanova; o camiño cruza a N-651 para chegar a la avenida do Concello (Casa do Concello de Fene).
Nota Importante: saímos da avenida do Concello, xiramos uns metros á esquerda (rúa da Fraga) e a continuación nunha pequena rotonda xiraremos á dereita dirección rúa Alcalde Xerardo Díaz. Continuamos por esta rúa ata chegar ao lugar de Mundín, onde atopamos o lavadoiro de Mundín que temos que pasar pola man esquerda e subimos a un camiño de terra baixo un pequeno bosque de caducifolios e eucaliptos, que ascende á N-651.
No lugar Rego da Moa seguimos a Romariz, lugar da parroquia de Barallobre. Un camiño estreito entre hortas que nos leva, logo duns metros ao Polígono de Vilar do Colo; entre os concello de Fene e Cabanas.
Saíndo da vila, a ruta enlaza co camiño real para chegar a Cabanas, en pleno estuario do Eume, continuamos cara a ponte para entrar en Pontedeume.
Deixando Pontedeume atrás chegamos a unha igrexa desde a cal podemos divisar unha excelente panorámica sobre as rías de Ferrol, Betanzos e Ares continuando cara á aldea de Buíña ata Miño.
O camiño descende e inicia de novo un ascenso en dirección a Matacabalos, pasando por Chantada e Guende. O camiño transcorre por terreos cháns antes de descender cara a Betanzos, traxecto que ofrece unha boa panorámica da ría de Betanzos e as súas marismas.
O peregrino cruza o río Mandeo pola Ponte Vella e entra en Betanzos, antiga capital dunha das sete provincias do Reino de Galicia, polas portas da muralla medieval.
De Betanzos chegamos á Coruña, abandonamos a cidade cara á ponte de Sigüeiro sobre o Tambre onde o peregrino entra no municipio de Santiago.
A ruta entra no casco urbano de Santiago, onde unha vez que se visitou a catedral compostelá, punto de chegada e encontro dos peregrinos, a cidade de Santiago ofrécese ao visitante con todo o seu esplendor histórico, en toda a súa diversidade e dinamismo presentes.