Festas e festivais

Festas e festivais

Encontro de Lavandeiras

 

Encontro que ten lugar no mes de maio, organizado pola AVV de Sillobre  SCDR Agarimo.

Actividade para render homenaxe ás antigas lavandeiras e revivir como era o lavado máis ancestral na parroquia de Sillobre no século XIX. O proceso de lavar a roupa duraba unha semana, cada domingo saían os barcos de Ferrol coa roupa sucia das familias máis ricas e da xente da Mariña cara ao peirao de Perlío. Dende alí transportaban a roupa en carros cara aos lavadoiros de Sillobre. O luns as mulleres lavaban a roupa, fregábana, batíana, torcíana e dábanlle contra as laxes, poríana a clareo regándoa con auga. Ao día seguinte recollíanse as pezas para facer a “Bogada” que consistía en meter a roupa nunha bañeira, poñéndolle por riba un mandil ou saba vella; nun pote poñían a ferver auga con cinza e xabón para botarlle por riba. Máis tarde tendíase no enxugadoiro e unha vez seca volvíase a levar ao peirao para devolver a Ferrol ao domingo seguinte.

Durante este encontro, recréase todo o proceso que realizaban as lavandeiras: pola tarde homes e mulleres vestidos con roupa de finais do século XIX saen nun barco dende Ferrol coa roupa sucia cara o peirao de Perlío e dende alí en carros transpórtase a roupa ata Sillobre para proceder á recreación no Lavadoiro de Emérita, onde as lavandeiras se reparten para lavar. No adro da igrexa atópanse os enxugadoiros e no campo ponse a roupa a clareo.

Os asistentes poden gozar dos obradoiros de arte en vivo, pintura, elaboración de xabón, taracea, papiroflexia e outros que se sitúan ao redor da igrexa. Tamén se pode degustar liscos e viño á hora da merenda.

Paseo San Valentín

Romaría do Camiñante

 

Celébrase tódolos anos o primeiro sábado do mes de xullo. O programa de actos soe consistir no seguinte:

A primeira hora da tarde, acompañados de gaiteiros, saen en desfile dende o local social da Liga de Amigos de Barallobre ata o monumento do Camiñante Descoñecido.

Unha vez alí, realízase unha ofrenda floral por parte da xunta directiva e interprétase o himno galego.

A continuación, iníciase o camiño de volta cara ao campo da festa e comezan as actuacións dos grupos de música tradicional galega.

Á tardiña faise a tradicional sardiñada coa conseguinte queimada ao rematar a mesma.

Paseo San Valentín

Invasión Vikinga

 

O último sábado do mes de xullo celébrase este evento.

A “Invasión Vikinga” comezou como unha broma no verán de 2006, cando un grupo de amigos de Limodre para poñer fin as disputas que dende había anos tiñan cos veciños de Redes, invaden esta localidade. Como os veciños de Redes non contaban coa ameaza, a toma do pobo foi tan sinxela que a vitoria soubo a pouco e por iso levaron como refén a un coñecido veciño de Redes que moitos botarían en falta. A vinganza non se fixo esperar e uns días máis tarde os veciños de Redes invadiron, secuestraron e celebraron a súa festa “Piratas de Redes”.

Desde entón anualmente sucedéronse as invasións. Na actualidade o evento comeza na praia de Río Castro, en Limodre, poñendo rumbo cara a Praia do Río Sandeu en barcos, a pé e no que poden (barreños, plataformas flotantes,…). Vikingos e piratas asinan unha tregua para participar na festa da espuma e máis tarde, xa de volta en Río Castro celebrar cun gran festín coa mellor música.

Asociación dos Vikingos de Río Castro
Río Castro s/n.
15627 Limodre – Fene (A Coruña)

Paseo San Valentín

A malla do trigo

 

A Asociación Etnográfica e da Natureza no mes de agosto recrea como antigamente se realizaba a malla do trigo, dende a súa recollida (sega), secado e mallado, empregando maquinaria e ferramenta tradicional. A xente pode participar vestida de época.

Ao final da tarde realízase unha merenda tradicional acompañada de música galega en vivo.

AETNA (Asociación Etnográfica e da Natureza)
Estrada da Palma s/n
Patio do colexio Curros Enríquez
15520 Maniños – Fene (A Coruña)

Paseo San Valentín

Esfollada do millo

 

No Muíño do Pombal en Maniños, a asociación Aetna, o primeiro venres do mes de decembro celebra a Esfollada do Millo, onde se pode gozar da recreación desta actividade coma hai moitos anos.

Ao remate os asistentes degustan papas de millo e bolas na tixola.

AETNA (Asociación Etnográfica e da Natureza)
Estrada da Palma s/n – Patio do colexio Curros Enríquez
15520 Maniños – Fene (A Coruña)

Paseo San Valentín

Felipop

 

Segunda fin de semana de agosto. Limodre. Parque da Hortiña.

A principal razón da existencia do FELIPOP, que se celebra na parroquia de Limodre dende 1999, normalmente no segundo fin de semana de agosto, é a de dar cabida a proxectos musicais e artísticos principalmente, pero non unicamente, debedores da psicodelia, do power pop e da música dos anos 60 e 70.

Tratase dun festival único, cun ambiente case familiar, un público que ama a música e a melodía (A melodía é o importante é o lema do festival) e unhas peculiaridades que o fan realmente entrañable. Resulta estilisticamente coherente e estrito: se cadra a xuntanza de grupos pop con máis personalidade das que se realizan en Galicia. As chamadas “bandas tributo” están non só mal vistas, senón totalmente prohibidas.

É un festival totalmente atípico, de orzamento modesto, no que te sentirás como na casa, xa que a amabilidade e o bo trato son marca da casa. A interacción entre organización, público e músicos é o que o converte nun festival totalmente máxico, diferente e ao que todos queren volver cando o coñecen.

Esa conxunción de bo gusto, trato familiar, actitude positiva (natural, non de postal), imaxinación e prezos módicos, fai desta cita un sopro de aire fresco no cada vez máis masificado mundo dos festivais musicais.

Asociación Felicia

Paseo San Valentín

Festa mariñeira

 

Esta festa de exaltación dos produtos da nosa ría ten a peculiaridade de que son as propias asociacións do concello as encargadas de cociñar os mellores produtos da ría, que se ofrecen ao público a prezos populares.

A celebración ten lugar no mes de setembro no peirao de Barallobre.

Paseo San Valentín

Fenerock

 

Festival de rock de 3 días. Celébrase no mes de setembro no paseo marítimo de San Valentín.

“El FRF” naceu no 2003 cando un grupo de amigos xuntouse para homenaxear ao guitarrista de Fene Félix García Beceiro, falecido oito anos atrás.

Na primeira edición xuntáronse 17 grupos da comarca.

A afluencia do público e a súa acollida animou a organizalo ano tras ano.

Paseo San Valentín

Romaría do Pote

 

Celébrase en Maniños o último domingo do mes de agosto. Organizada pola A.C.R.D. O Pote.

A Romaría do Pote ven celebrándose ininterrompidamente dende o ano 1933, exceptuando os anos da Guerra Civil. Trátase dunha das romarías pioneiras de Galiza, tendo como particularidade o seu carácter laico, ao non ser consagrada a ningún santo.

A primeira Romaría do Pote tivo lugar o 17 de setembro de 1933. Naquela ocasión actuou o grupo Toxos e Flores de Ferrol, que inaugurou o palco do campo da festa de Maniños. Máis tarde trasladouse á casa do doutor Borrás onde se izou a bandeira republicana e lle ofreceron unha recepción. Na torre rematou naquela ocasión esta histórica romaría.

A primeira Romaría do Pote foi un éxito de participación. Tras a popularidade da primeira edición da romaría preparouse a segunda. En xuño de 1934 a asemblea de socios acorda apoiar a continuidade desta festa,trasladándoa para o mes de xullo.

Nos anos 50, 60 e 70 ao Pote achegábase xente de toda Galiza, formando espectaculares merendas de máis de duascentas persoas. Algún ano a comisión organizadora chegou a traer trece grupos musicais para participar na romaría. A esta festa ten acudido xente de toda Galiza, configurándose como unha das principais romarías do país nos últimos anos do franquismo.

As merendas son unha da particularidade da Romaría do Pote, dende unhas semanas antes do festexo que habitualmente coincide co último domingo de agosto, mozos de Maniños e doutras parroquias comezan a montar con toxos, xestas e felgos as súas cabanas nos arredores do local do Pote. Ben fornecidos de comidas e bebidas, os máis novos pasarán os días e noites anteriores ao Pote acubillados nas ´casoupas´, preparando o día grande.

Paseo San Valentín

Xuntanza de gaiteiros

 

A Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene”, organiza tódolos anos no mes de outubro nas instalacións da SCRD Agarimo de Sillobre, unha Xuntanza de Gaiteiros onde os distintos grupos, bandas ou músicos dan a coñecer, o mellor do seu repertorio, así como o intercambio de proxectos e ideas para potenciar as nosas tradicións e darlle pulo ó uso dos nosos instrumentos tradicionais.

Aprovéitase a celebración da Xuntanza de Gaiteiros para homenaxear a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterizara por gardar, recoller, recuperar, aprender e dar a coñecer tanto o baile coma o canto e a nosa música tradicional. É práctica habitual que os/as homenaxeados/as actúen na xuntanza.

“Airiños de Fene” nace no ano 1987 e dende os seus inicios a banda tiña e ten como obxectivo primordial a recuperación, transmisión e difusión da nosa música tradicional, usando sempre instrumentos tradicionais.

Ademais da banda de gaitas,  “Airiños de Fene” conta cun grupo de baile “Cambadela”, dous grupos de cantareiras “Xerfa” e “Xirifeiras” e un coro de voces mixtas “TradiCoro”. As distintas seccións de “Airiños de Fene” están dirixidas por Miguel Doval, Chus Niebla e Gisela Sanmartín.

Airiños de  Fene –  Banda de Gaitas tradicional
Souto grande, 10
15528, Barallobre – Fene (A Coruña)

Teléfono:  686 52 67 75
E-mail: 
info@airinosdefene.es
Web: 
www.airinosdefene.es

Paseo San Valentín

Encontro de cantareiras

 

A Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene organiza en colaboración coa Liga de Amigos de Barallobre e o Concello de Fene un Encontro de Cantareiras.

O Encontro de Cantareiras nace coa idea de manterse no tempo. Igual que acontece coa Xuntanza de Gaiteiros, e que este acto sexa un encontro de distintos grupos e de distintas zonas do noso país, onde poidamos non só gozar e coñecer a riqueza do noso canto tradicional, senón que tamén intercambiar ideas e propostas que potencien esta faceta da nosa cultura.

Paseo San Valentín

Os Maios

 

Na parroquia de Limodre existía a tradición de “Cantar o maio”, seguramente retomando a ancestral celebración da chegada da primavera e o remate do inverno, para propiciar as boas colleitas.

A asociación de veciños/as de Limodre co empeño de recuperar estas celebracións festexa anualmente Os Maios. Constrúen os maios, adornados con flores e outros elementos como laranxas, cascas de ovos, etc. ,  acompáñanos cos “cantos de maio”  interpretados polas escolas musicais da sociedade e  elaboran as alfombras florais.

Na parroquia de Maniños, a Asociación Etnográfica da Natureza “Amigos do Baa” tamén celebra Os Maios, onde os nenos e nenas do colexio Os Casais son os principais protagonistas, recitan poemas e cancións referidos a o mes de maio, decoran unha alfombra e constrúen os maios.

Paseo San Valentín

 

Festas gastronómicas

Fene

  • Festa do pincho moruno: xullo
  • Festa do polbo á feira: xullo
  • Festa da proia e queimada: maio
  • Festa dos lagostinos: xullo
  • Festa espeto ibérico: agosto

Limodre

  • Festa da orella: agosto

Maniños

  • Festa da ameixa: xullo
  • Festa do mexillón: agosto

Perlío

  • Festa dos callos: setembro

San Valentín

  • Festa dos callos: novembro
    Festa da bola, queixo e queimada: maio

Magalofes

  • Degustación carne de poldro: agosto

Barallobre

  • Festa mariñeira: setembro

Sillobre

  • Sardiñada/churrascada:  xullo

Tódalas entidades veciñais e culturais do municipio realizan ademais sardiñadas ou churrascadas en diferentes épocas do ano, así como o Magosto.

 

Festas patronáis

Barallobre

  • Festa Santiago Apóstolo: 25 de xullo
  • Festa Virxe do Carme (con procesión marítima): 26 de xullo

Fene

  • Festa Nosa Sra. do Carme: xullo

Limodre

  • Festa Santa Olalla: decembro

Magalofes

  • Festa de San Xurxo

Maniños

  • Festa do Carme (con procesión marítima): xullo
  • Festa San Salvador: 6 de agosto
  • San Caetano: 7 de agosto
  • Festa do Pote: 26 de agosto

Perlío

  • Festa dos Santos(*): 1ª fin de semana de xuño
  • Festa de S. Estevo: 2º domingo de agosto

Sillobre

  • Festa Santa Mariña: 18/19 de xullo
  • Festa San Ramón: 31 de agosto
  • Festa San Roque: 1 de setembro
  • Festa San Marcos: 25 de abril

(*) As datas varían segundo a Semana Santa.